viernes, 25 de diciembre de 2020

BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2021 A TODOS/AS!

 Dende 3º e 4º de educación primaria do CEIP Víctor Sáenz, desexámosvos un bo Nadal e un feliz Aninovo 2021 a todos/as!


O mes de decembro foi moi especial no noso colexio, pois realizamos moitas actividades relacionadas co Nadal.

Participamos no xa habitual "Concurso de Postais de Nadal". Todas as postais eran xeniais, pero a gañadora de 3º e 4º foi Lucía. Parabéns!


Decidimos empregar as postais realizadas para o concurso, para enviarllas ás nosas familias e felicitarlles o Nadal: escribimos no seu interior unha mensaxe de Nadal personalizada, cubrimos o sobre cos enderezos, colocamos o selo e enviámola. Agardamos que vos fixera moitísima ilusión recibilas nos vosos buzóns!

Aquí podedes ver todas as postais realizadas na nosa aula:



Para celebrar o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, elaboramos fermosos ovos de aves, cun desexo de Nadal relacionado cos dereitos humanos. Despois pedimos estes desexos de Nadal diante do resto de compañeiros/as, mentres colgabamos os ovos na árbore de Nadal do centro. No seguinte vídeo podedes ver o desexo de todos os nenos/as do colexio:


Para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, gravamos o seguinte vídeo, no que cantamos e bailamos a panxoliña "Agardando os regalos de Nadal" (Iván Vale), en lingua de signos:


Por último, os dous últimos días do 1º trimestre, foron tamén moi especiais.

O luns vimos aos Magos Ian e Elisa:


E o martes, tivemos un concerto de Paco Pakolas e da ilustradora Laura Romero:



miércoles, 23 de diciembre de 2020

INVESTIGACIÓN SOBRE OS HÁBITOS SAUDABLES DO ALUMNADO DO COLEXIO

Neste 1º trimestre, o alumnado de 3º, 4º e 5º de educación primaria realizamos unha investigación sobre os hábitos saudables do alumnado do noso colexio, para traballar contidos das áreas de Ciencias da Natureza e de Matemáticas.

En primeiro lugar, realizamos unha enquisa ao alumnado para coñecer os seus hábitos saudables relacionados coa realización de exercicio físico e o consumo de froitas e verduras

Despois, recollemos os datos obtidos en táboas de rexistro de datos e en gráficas de barras para expoñelos nun mural.


Por último, falamos da investigación realizada nun programa radiofónico para Radio Rosiña:


O resultado desta investigación foi moi positiva, xa que o alumnado do noso centro practica deporte case a diario e toma varias pezas de froita e/ou verdura ao día. 

Parabéns a todos/as e moitas grazas pola vosa participación. Seguide mantendo uns bos hábitos saudables, pois a saúde é sempre o primeiro!

martes, 15 de diciembre de 2020

ACTIVIDADES A DISTANCIA 1º TRIMESTRE

Neste 1º trimestre, participamos nas seguintes actividades complementarias a distancia:


  • Contacontos en inglés da historia "Trullywood" (OnStage Company):


  • Visita guiada virtual en directo ao Museo do Mar de Galicia, no que vimos unha exposición sobre o "Man de Camelle":


  • Obradoiro de instrumentos reciclados con Odaiko Percussion Group:





CARTEÁMONOS CO CPI DE BEMBIBRE!

Este curso, continuamos co proxecto de correspondencia escolar que iniciamos o pasado curso, carteándonos co alumnado de 4º de educación primaria do CPI de Bembibre (Val do Dubra).

Esta iniciativa permítenos comunicarnos con outras persoas, coñecer a outros nenos/as, compartir experiencias, dar a coñecer os nosos pensamentos e sentimentos, etc., ao mesmo tempo que traballamos a expresión escrita.

Este proxecto proporciónanos un enorme entusiasmo e ilusión, especialmente nunha situación tan difícil na que o contacto con outras persoas é mínimo. Por isto, celebramos con moita alegría a chegada de cada carta!

Nun inicio, escribíamos cartas de maneira grupal, pero fai unhas semanas realizamos unha videochamada, na que creamos pequenos grupos para cartearnos de maneira máis directa.

Este luns, chegaron as primeiras cartas dos nosos pequenos grupos, acompañadas dunhas fermosas postais de Nadal. Realmente emocionante!


OS ESPAZOS NATURAIS PROTEXIDOS DE GALICIA

Ola de novo!

Nas últimas semanas, en 3º e 4º traballamos sobre a paisaxe, e como tarefa integrada da área de Ciencias Sociais, realizamos o seguinte traballo sobre os espazos naturais protexidos de Galicia: buscamos información sobre eles na aula de informática, elaboramos un folleto turístico, creamos unha presentación profesional coa información máis relevante e con fotografías, fixemos unha exposición oral diante do resto de compañeiros/as, elaboramos un mural cos folletos e gravamos un programa radiofónico.




Pinchando aquí, podedes escoitar o programa radiofónico:

Programa radiofónico "Os espazos naturais protexidos de Galicia"

miércoles, 2 de diciembre de 2020

ANIVERSARIO DE ALICIA

Hoxe celebramos o aniversario da nosa compañeira Alicia.

Foi unha celebración un tanto diferente, pero aínda así foi moi especial.

Parabéns!

viernes, 27 de noviembre de 2020

SEMANA GANDEIRA 2020

Nunha situación de normalidade, no Concello de Mazaricos estariamos a vivir unha das nosas citas imprescindibles: a Semana Gandeira!

Como este ano non se pode celebrar, dende o Concello están a organizar varias actividades relacionadas con esta celebración. 

No noso caso, realizamos o seguinte vídeo para promocionar e poñer en valor o excelente traballo dos gandeiros e gandeiras.

Ademais de ter centos de beneficios, trátase dunha profesión imprescindible, pois os gandeiros e as gandeiras alimentamos ao mundo!

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2020

O 25 de novembro celebramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

No noso centro realizamos unha actividade que titulamos "Que ningúen te engaiole". Deseñamos unha gaiola en cada aula, que expusemos nos corredores. No noso caso, decorámola con lazos violetas nos que escribimos lemas a favor da igualdade.

Tamén realizamos un programa radiofónico en Radio Rosiña no que expuxemos os nosos lemas, a nosa preocupación polo tema e o noso desexo de conseguir unha igualdade real entre homes e mulleres.

Aquí vos deixamos unha fotografía da nosa gaiola e un vídeo no que podedes ver as do resto de compañeiros/as:


Así mesmo, pinchando no seguinte enlace podedes escoitar o programa radiofónico:

jueves, 19 de noviembre de 2020

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA 2020

Hoxe, 20 de novembro é o Día Universal da Infancia e os alumnos/as de 3º e 4º traballamos sobre os dereitos dos nenos/as.


Coñecemos tamén a historia de Malala Yousafzai, unha activista pakistaní que loita a favor dos dereitos das nenas á educación.

Entre todos/as, gravamos un vídeo no que explicamos a súa historia.


Agardamos que vos guste e que non exista ningún neno/a no mundo ao que non se lle respeten os seus dereitos.

domingo, 15 de noviembre de 2020

SAMAÍN E MAGOSTO 2020

Co outono, chegaron ao noso colexio dúas celebracións que nos encantan: o Samaín e o Magosto!

Con motivo do Samaín, elaboramos cabazas coas nosas familias para participar no Concurso de Cabazas, inventamos o noso propio relato de medo para participar no Concurso de Relatos de Medo, decoramos o centro de Samaín, dramatizamos o conto "Un desastre de bruxa", participamos nun divertido obradoiro de música no que traballamos sobre a canción "Os esqueletos", preparamos uns terroríficos bocatas de monstros para a merenda e visionamos a película "A escola do terror de Casper".



A nosa compañeira Alicia foi a gañadora do 1º Premio do Concurso de Cabazas. Parabéns!





Aquí vos deixamos o resto de gañadoras, a exposición de todas as cabazas do cole e tamén as da nosa aula:












Por outra banda, no Concurso de Relatos de Medo, o relato gañador na categoría de 3º e 4º foi "O aire contaminado", escrito polo noso compañeiro Iker. Parabéns tamén para ti!


Nos seguintes enlaces podedes escoitar e ver os relatos gañadores nas diferentes categorías. No noso caso, poderedes ver e escoitar o relato gañador, así como unha pequena entrevista a Alicia e Iker.



A continuación, podedes ver tamén o resto de relatos de medo da nosa aula:


Por último, o pasado venres celebramos tamén o Magosto:







viernes, 23 de octubre de 2020

MAZARICOS

Ola de novo, a todos/as! 

Nas últimas semanas, dende a área de Ciencias Sociais, o alumnado de 3º e 4º fixemos a seguinte tarefa integrada: a gravación dun programa radiofónico para "Radio Rosiña" e dun mural para promocionar o turismo no Concello de Mazaricos.

O noso Concello é un territorio máxico, cunha gran riqueza natural, patrimonial, gastronómica e cultural.  Mazaricos ten paisaxe, ten patrimonio, ten cultura, ten gastronomía, ten festas locais, ten zonas para o descanso e para o deporte e, o máis importe, ten xente marabillosa! Mazaricos é unha terra chea de posibilidades, que están agardando por vós. Animádesvos a descubrir o noso Concello?

No seguinte enlace podedes escoitar o programa radiofónico sobre Mazaricos, que gravamos en "Radio Rosiña":


A continuación, podedes ver tamén o mural que elaboramos para impulsar o turismo no noso Concello:



Como vedes, somos uns auténticos afortunados e afortunadas de vivir nun dos lugares máis fermosos e interesantes de Galicia e do mundo!

sábado, 17 de octubre de 2020

DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES RURAIS 2020

O 15 de outubro, celebrouse o Día Internacional das Mulleres Rurais. Dende o Concello de Mazaricos organizaron un concurso de ilustracións para empoderar a todas as grandes mulleres da nosa contorna: nais, avoas, veciñas... 

Na nosa aula, resultou gañadora a realizada por Ángel, quen se inspirou na súa avoa para realizar a ilustración. Amosou unha muller moi forte e valente, dúas características propias de todas as mulleres rurais.

Entre todos/as, reproducimos o seu debuxo nun gran mural.




Tamén fixemos un "Rap da muller rural" xunto ao resto de compañeiros/as do colexio:


A continuación, podedes ver todas as ilustracións realizadas na nosa aula. Son todas fantásticas!












Por último, no seguinte vídeo, podedes ver os traballos realizados por todo o alumnado do centro: